Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Adaptación ao cambio climático

 A adaptación ao cambio climático non é algo novo. Desde sempre, a humanidade tivo que enfrontarse a un futuro incerto e á posibilidade de fenómenos meteorolóxicos extremos, non obstante, buscou sempre modos de supervivencia.

Así, Nacións Unidas define a adaptación como un proceso mediante o que as sociedades crean mellores condicións para facer fronte a un futuro incerto. Pola súa parte, o IPPC a considera como un axuste nos sistemas naturais ou humanos a un novo e cambiante medio ambiente. Entende así a adaptación como os axustes nos sistemas naturais ou humanos que teñen que facerse en resposta aos cambios climáticos observados e esperables ou aos seus efectos.
En definitiva, a adaptación ao cambio climático implica tomar medidas axeitadas para reducir os seus efectos negativos (ou potenciar os positivos). Pódese concluír, polo tanto, que a adaptación ten por obxecto reducir o risco e os danos por impactos nocivos, tanto actuais como futuros.
As medidas de adaptación tómanse para facer fronte a un clima cambiante, tanto na actualidade, como en previsión de cambios futuros, en relación co incremento de valores extremos de precipitación, temperaturas elevadas, recursos hídricos escasos ou tormentas frecuentes. Algunhas desas medidas consisten, por exemplo, en utilizar dunha maneira eficaz recursos hídricos escasos, adaptar as normas de construción vixentes para soportar futuras condicións climáticas e fenómenos meteorolóxicos extremos, construír muros de contención de inundacións e subir a altura dos diques fronte á suba do nivel do mar, desenvolver cultivos resistentes a secas, seleccionar especies forestais que sexan menos vulnerables a tormentas e incendios, elaborar plans de ordenación territorial e corredores para axudar ás especies a migrar, etc.
A adaptación pode comprender estratexias nacionais ou rexionais, así como, medidas prácticas a nivel de comunidade ou individuos. As medidas de adaptación poden ser anticipativas ou reactivas e son de aplicación tanto a sistemas naturais como humanos.
Gran cantidade de economistas e científicos do clima coinciden en que unha anticipación ás consecuencias do cambio climático minimizará as ameazas aos ecosistemas, á saúde humana, aos activos empresariais e inmobiliarios e ao resto de infraestruturas, evitando que acaden unha magnitude desmesurada. Así despréndese de varios estudos, como o informe Stern   (2006) ou os realizados no marco do proxecto PESETA (Proxección dos Impactos Económicos do Cambio Climático na Unión Europea - 2007).
A adaptación ao cambio climático foi gañando prioridade nas principais axendas políticas internacionais (Nacións Unidas, Unión Europea, OCDE...), e nestes momentos, existe unha corrente internacional moi forte de desenvolvemento de numerosas iniciativas relativas á adaptación.
Nacións Unidas - Destaca a aprobación na Conferencia das Partes da CMNUCC de Montreal (decembro 2005) do Programa de traballo quinquenal sobre os aspectos científicos, técnicos e socioeconómicos dos efectos, a vulnerabilidade e a adaptación ao cambio climático, como paso clave na consideración da adaptación como un asunto central, xunto ás actividades de mitigación do cambio climático.
Unión Europea – Publicación do Libro Verde de adaptación ao cambio climático en Europa o 29 de xuño do ano 2007. Posteriormente, o 1 de abril do ano 2009, publícase o Libro Branco de adaptación ao cambio climático: cara a un marco europeo de actuación.
España - A Comisión de Coordinación de políticas de Cambio Climático do Ministerio de Medio Ambiente aprobou, en xullo de 2006, o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático (PNACC), marco de referencia para a coordinación entre as Administracións Públicas das actividades de avaliación de impactos, vulnerabilidade e adaptación ao cambio climático.
Galicia – De cara a unha planificación da mitigación e adaptación a nivel rexional, a Xunta de Galicia coordinou un proxecto de investigación titulado “Análise das Evidencias e Impactos do Cambio Climático en Galicia” (CLIGAL) cuxas conclusións se publicaron no  libro Evidencias e impactos do cambio climático en Galicia. Tamén participou nun proxecto sobre adaptación aos efectos do cambio climático no Sudoeste europeo (Adaptaclima). Asimesmo, vense a traballar na elaboración de informes que facilitan a toma de decisións en materia de adaptación en Galicia.