Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Loita internacional fronte ao cambio climático

A loita fronte ao cambio climático é un problema mundial. Para facer fronte aos efectos deste fenómeno é necesaria a implicación de toda a sociedade de cara a evitar a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

Unha das respostas internacionais mais importantes para frear o cambio climático foi o denominado Protocolo de Kioto (2008-2012), que tiña como obxectivo principal estabilizar as concentracións de gases de efecto invernadoiro na atmosfera, a un nivel que previñese unha perigosa interferencia co sistema climático. Tal nivel debería ser acadado nunha marxe de tempo que lles permitise aos ecosistemas adaptarse de forma natural ao cambio climático, que non puxese en perigo a produción de alimentos e que garantise o desenvolvemento económico dun xeito sustentable.

Kioto pódese considerar como un mecanismo de transición cara actuacións máis amplas. As chamadas “Partes” (membros da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático) reuníronse por primeira vez en Montreal onde se estableceu o chamado Grupo de Traballo Especial sobre os Futuros Compromisos das Partes do Anexo I, no marco do Protocolo, orientado aos acordos a tomar despois de 2012. En decembro do 2007, tivo lugar a reunión de Bali que marcou as orientacións que se seguirían na era post Kioto.

Segundo as Nacións Unidas, o escenario post-2012 debía ser ampliado de tal forma que acadase todos os aspectos globais que afectan ao clima e que inclúen:

  • Unha resposta mundial a longo prazo, acorde cos avances científicos máis novidosos e compatible coas necesidades empresariais na planificación dos consecuentes investimentos.
  • Reducións nas emisións dos países industrializados, en concordancia coa súa responsabilidade histórica a posibilidades económicas.
  • Maior compromiso dos países en desenvolvemento, especialmente dos emerxentes.
  • Incentivos para que os países en desenvolvemento limiten as súas emisións e asistencia para que se adapten aos impactos do cambio climático, salvaguardando o crecemento económico e a erradicación da pobreza.
  • Flexibilidade, a través da ampliación do mercado de carbono, para asegurar unha aplicación mais eficaz en función dos custes e movilizar os recursos necesarios para proporcionar incentivos aos países en desenvolvemento.

Estes aspectos marcaron a COP21, celebrada en París no ano 2015, que deu como resultado un texto de 31 páxinas, xuridicamente vinculante, no que 195 gobernos comprometínse a acadar un teito de emisións de gases de efecto invernadoiro. A adopción do Acordo tivo lugar na sede das Nacións Unidas en Nova Iorke o 22 de abril de 2016 e entrará en vigor o 4 de novembro deste mesmo ano, trinta días despois da data na que ao menos 55 partes, que sumasen en total o 55% das emisións globais, ratificaran o acordo.

Imaxe que mostra a conferencia sobre o cambio climático das Nacións Unidas 

Respecto da Unión Europea, compre resaltar que esta asume un papel especialmente activo dentro da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático e xa ten liderado varias iniciativas en materia de loita fronte ao cambio no clima, entre elas:

A aprobación, no ano 2008, do Paquete Europeo de Enerxía e Cambio Climático para o horizonte 2013-2020, composto da normativa vinculante, na que se establecen obxectivos concretos para o ano 2020 en materia de enerxías renovables, eficiencia enerxética e redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, introducíndose elementos novos como a captura e almacenamento de carbono e a aviación no comercio de dereitos de emisión.

A presentación, no ano 2013, da Folla de Ruta cara unha economía baixa en carbono en 2050, na que a Comisin Europea vai mais alá do curto prazo e propón unha forma custe-eficiente de acadar reducións profundas de emisións a mediados do século XXI. Baixo este marco, no ano 2050, a UE deberá ter reducido as súas emisións nun 80% respecto dos niveis do ano 1990. Para conseguilo, antes deberá acadar unha redución do 40% no ano 2030 e do 60% no ano 2040.

A presentación, en xaneiro do ano 2014, por parte da Comisión Europea, dunha proposta que dota de continuidade ao Paquete Europeo de Enerxía e Cambio Climático, con horizonte 2030, e na que se proponen novos obxectivos de redución de emisións e de enerxías renovables.

Nos seguintes enlaces poderá atopar información sobre os avances da negociación internacional: